Monday 13 de May de 2024

Aberto ao público o Belén Municipal, que incorpora no seu 30 aniversario a figura de Ramón Pérez Costales, benfeitor de Picasso


Inés Rey presidiu a apertura do Nacemento de María Pita, que se poderá visitar ata o 6 de xaneiro na sala de exposicións do pazo municipal

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta tarde o acto de apertura do Belén Municipal, dentro da programación cultural do Concello deste Nadal. O Nacemento, que estará instalado na sala de exposicións do Pazo Municipal de María  Pita ata o 6 de xaneiro, réndelle este ano homenaxe a Ramón Pérez Costales, benfeitor de Pablo Picasso durante os seus anos na cidade, cuxa figura se incorpora ás máis de 250 presentes na recreación e entre as que xa se atopaba a do propio Pablo Picasso.

Inés Rey puxo en valor a proposta, que abre camiño á programación prevista polo Concello para a ‘Celebración Picasso 1973-2023’, en conmemoración dos cincuenta anos do falecemento do artista, que pasou parte da súa infancia na cidade. “Este ano, o Belén cumpre trinta anos de vida, trinta anos de percorrido recollendo o patrimonio, os persoeiros clave e a historia da nosa cidade”, dixo Inés Rey, que agradeceu a presenza no acto de Crisanto Gándara Eiroa e os seus familiares, herdeiros de Ramón Pérez Costales.

Pérez Costales, médico de profesión, exerceu case toda a súa vida na Coruña, á que chegou con 13 anos de idade. Ademais, foi un político moi activo e chegou a exercer como Ministro de Fomento durante a presidencia republicana de Pi i Margall. Posteriormente, embarcouse en tarefas filantrópicas e amosou o seu compromiso co tecido asociativo da cidade, participando na fundación da Cocina Económica e nos movementos do sector cultural coruñés.

“Costales foi unha figura fundamental na infancia e eclosión artística de Pablo Picasso”, apuntou Inés Rey. Como amigo da familia do artista, Costales foi benfeitor de Picasso nunha etapa clave da súa vida. Ramón Pérez Costales impulsa a carreira de Picasso, un talento precoz que expuxo o seu traballo, por primeira vez, na rúa Real, grazas ao apoio de Costales, que traballou para que Picasso tivese espazos na Coruña para as súas exposicións.

“Falamos, pois, dunha figura histórica da cidade e, tamén, do mundo da arte e da pintura pola influencia que tivo nun dos grandes xenios da historia contemporánea”, sinalou Inés Rey.

Durante o acto tamén interviu Crisanto Gándara Eiroa, que estivo acompañado por Sara Eiroa e Carlos Gándara. Ao remate das intervencións houbo unha actuación do coro Cantabile.

O Belén Municipal quedou aberto ao público e permanecerá na sala de exposicións de María Pita ata o 6 de xaneiro. O horario será de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, agás o 24 e 25 de decembro, que pechará durante todo o día. O 31 de decembro haberá só horario de mañá, o 1 de xaneiro, só horario de tarde; o 5 de xaneiro o horario será de 10.00 a 14.00 e o 6 de xaneiro o horario será de 17.00 a 21.00 horas.